Que facemos >  

Que facemos

Proxecto Reincorpora

  • Itinerario de inserción socio laboral para persoas reclusas
  • Dende - Ata: 12/07/2011 - Actualmente

Para que?

Reincorpora está impulsado pola obra social “A Caixa” para ofrecer a internos e internas que se atopan cumprindo a fase final da súa condena nos centros penais, a posibilidade de construír un futuro diferente e plenamente integrado na sociedade.
Reincorpora apoia a vontade de cambio das persoas reclusas, ofrecendo oportunidades a través da formación, a intermediación laboral e o acompañamento.

 

Por que?

As persoas que estiveron privadas de liberdade teñen grandes dificultades para acceder a un emprego que lles permita normalizar a súa vida e volver sentirse integradas socialmente.

 

As accións dirixidas á inserción laboral das persoas reclusas, dificilmente poden ser eficaces se só actúan no campo laboral. Para optimizalas hai que facer unha intervención integral que contemple todos os aspectos que provocaron o proceso de exclusión, sendo esencial implicar á persoa a través do compromiso e a motivación no seu propio proceso de cambio.

 

Como traballamos

Iniciamos a atención das persoas participantes nos módulos de interior do centro penal de Ourense con Pre-Reincorpora, que constitúe o paso previo ao Programa Reincorpora. Preparamos ás persoas para o aproveitamento do seu itinerario personalizado de integración social e laboral. A través de sesións individuais e grupais traballando e reforzando habilidades como a comunicación, a resolución de conflitos ou o autocoñecemento.
Unha vez que as persoas participantes en Pre-Reincorpora pasan desde os módulos de interior a sección aberta, é dicir, ao réxime de semiliberdade; inician o seu itinerario personalizado de integración sociolaboral Reincorpora.

Estes itinerarios inclúen acompañamento, formación, proxectos de servizo á comunidade, orientación laboral, intermediación e seguimento.

A concreción do itinerario debe partir das capacidades, necesidades e dificultades de cada persoa, de forma que posibilite establecer obxectivos, prioridades e compromisos. Esta avaliación permite identificar aspectos non laborais que poden condicionar o itinerario e establecer accións adicionais.
A formación e a intermediación son dous dos recursos principais do itinerario, un como resposta á dificultade de atopar traballo e o outro como ponte entre o que busca traballo e a empresa.
O técnico Reincorpora é unha peza crave do programa acompañando á persoa durante todo o proceso de integración sociolaboral, favorecendo o proceso de cambio desde unha perspectiva integral e axudando a afrontar tensións emocionais e problemas cotiáns.

 

 

O noso proxecto en números

Desde o ano 2011,  APES xestiona Reincorpora no centro penal de Ourense, sendo unha das 72 entidades sociais que a nivel estatal traballan con Reincorpora.
Enmarcadas no Proxecto Inout, que levamos a cabo ata o ano 2016, realizamos 7 formacións nos sectores de limpeza, xestión de almacén, hostalería e comercio. Nelas participaron un total de 93 persoas recluídas.
Desde 2015, as persoas recluídas do noso proxecto reciben formación nos Puntos Formativos Incorpora. Ata agora, 33 persoas internas participaron nestas formacións, nos sectores de hostalería e comercio.
Desde a posta en marcha en 2017 de  Pre-Reincorpora, participaron un total de 37 persoas, 15 das cales continuaron cos itinerarios personalizados de Reincorpora.
Desde o ano 2011, conseguimos a inserción laboral de 60 persoas internas, preto da metade das persoas que levamos atendidas.

 

Infórmate

Para máis información sobre este proxecto contacta connosco en :
Tfno 988 107 629
e-correo info@apesasociacion.org

 

Queremos coñecer a túa opinión sobre este proxecto. Dedícasnos 1 minuto?

 

MATERIAIS RELACIONADOS
Documentos

Vídeos

Imaxes
  • 1 de 6